Archivo pdf

Prevención e protección do consumidor fronte ao SOBREENDEBEDAMENTO

Que é o sobre-endebedamento?

Frecuentemente escoitamos que é o momento ideal para endebedarse debido aos baixos tipos de xuros, a ampla oferta de servizos bancarios e a facilidade que ofrecen determinadas entidades financeiras para conceder préstamos e créditos. Realmente trátase dun momento óptimo para acometer compras financiadas, pero tamén é verdade, que non tódalas persoas atópanse no mesmo contexto, e que cada unha debe coñecer, se cabe ou non dentro das súas posibilidades realizar determinadas operacións.

O sobre-endebedamento xurde como consecuencia de un endebedamento por riba das nosas posibilidades que, ante determinadas circunstancias, provoca unha situación de insolvencia na economía familiar. Tecnicamente trátase daquela situación na que o patrimonio presente do consumidor resulta claramente insuficiente, dende o punto de vista financeiro, para facer fronte ao pago íntegro e puntual das súas débedas orixinadas por gastos correntes ou pola utilización excesiva do crédito.

Causas da incapacidade de pago

Esta situación de sobre-endebedamento pode transformarse en casos nos que resulta imposible facer fronte puntualmente aos pagos:

Importante suba de tipos de xuros (na actualidade afectaría especialmente aos centenares de miles de familias que teñen pendente de pago a hipoteca da súa vivenda familiar).
► Perda de ingresos familiares (ocasionada pola morte, separación ou desemprego dalgún dos individuos que actúan coma fonte dos mesmos).
► Incremento dos gastos familiares (nacemento dun novo fillo, enfermidade crónica, incremento do prezo dos produtos de primeira necesidade...).
- Fraudes co noso aforro (escándalos financeiros como Gescartera, Eurobank ou os contratos financeiros atípicos poden diminuír os aforros dun fogar).
► Adiccións incontroladas dalgún membro familiar (ao consumo, ás drogas, ao xogo, etc.).
► Aus
encia de previsión (falta de planificación e análise dos ingresos e gastos presentes e futuros e a nosa capacidade de endebedamento).


Consecuencias das faltas de pagamento

Esta situación de incapacidade económica desencadea a devindicación de xuros e comisións de demora, é dicir, a obriga legal de pagar unha cantidade, que dificultan ao debedor poder poñerse ao corrente das súas obrigas de pago. Aparte, córrese o risco de ser inscrito nun rexistro de morosos durante 5 anos, circunstancia que dificultaría a obtención dun novo crédito. Todo isto adoita motivar a procura de vías de financiamento adicionais (os famosos créditos fáciles en 24 horas) que supoñen uns xuros moito máis lesivos para a economía familiar e novas comisións. En caso de imposibilidade total de pago das débedas, o consumidor verase abocado a demandas xudiciais e costas ou, no caso de préstamos hipotecarios, á perda da súa vivenda en condicións moi prexudiciais para os seus intereses.

Estas situacións poden supoñer para os afectados a quebra económica familiar, o desafiuzamento (perda da vivenda), a busca dun novo traballo adicional aínda que sexa en condicións abusivas, problemas persoais (depresións, separacións matrimoniais, etc.) así como situacións de marxinación social.

Medidas preventivas do sobre-endebedamento

Coñecemento das necesidades reais: o consumidor diferenciará entre aqueles bens que lle resultan esenciais e aqueloutros dos que pode prescindir ao pospoñer a súa adquisición para momentos de maior solvencia.

► Planificación de ingresos e gastos: unha medida moi interesante, para coñecer do noso salario canto nos queda para endebedarnos, é facer unha planificación dos ingresos e gastos esperados. Para elo, é moi axeitado elaborar táboas onde se anoten as cantidades, os conceptos, e a marxe da que dispoñemos, despois de atender tódolos gastos, para afrontar novas compras ou débedas. Non obstante, o consumidor deberá saber que existen determinados gastos periódicos (aluguer, luz, auga, teléfono, alimentación, etc.) e outros que son unha vez ao ano, pero que hai que facer unha provisión para poder afrontalos cando cheguen (pago do IRPF, prima do seguro do automóbil, do fogar, imposto de circulación...).

► Conveniencia de deixar unha marxe para imprevistos: sempre é aconsellable deixar unha reserva de aforro porque existen determinados gastos imprevistos que poden minguar a nosa economía e capacidade de pago (enfermidade, paro, reparación de automóbil, suba dos tipos de xuros...).

 

Análise das nosas posibilidades de endebedamento: a porcentaxe óptima de endebedamento é unha terceira parte dos ingresos, niveis maiores incrementan o risco de sobre-endebedamento. Ademais, da diferenza entre os nosos ingresos e gastos, sempre debemos deixar unha marxe para o aforro unha vez descontadas as cotas dos nosos préstamos; o que nos permitirá ter capacidade de manobra ante determinados imprevistos (suba do xuro, aumento dos gastos correntes...).
Coñecemento dos produtos de endebedamento: é necesario coñecer os produtos de endebedamento para poder discernir cal é o que máis nos convén.
Comparativa entre distintas ofertas: non conformarse coa primeira oferta é fundamental para que o endebedamento sexa menos oneroso. Para elo non hai que guiarse unicamente polos intereses nominais, senón tamén polas comisións e gastos adicionais. A referencia para comparar entre entidades debe ser o TAE. Igualmente a solicitude de ofertas vinculantes obriga á entidade de crédito a manter as condicións da súa oferta até o momento da firma.
Negociación: o consumidor debe ser consciente da súa capacidade de negociación no establecemento de comisións e xuros. Nunha vivenda, o aforro pode supoñer máis do 2% do custo total.
Control dos nosos dereitos básicos como consumidores: un bo coñecemento dos nosos dereitos como consumidores pode supoñer un aforro importante na nosa economía que evite gastos innecesarios. Por exemplo, debemos saber que, ante unha compra a distancia, podemos devolvela sen necesidade de xustificación nos oito días seguintes á súa recepción; que o único seguro obrigatorio nun préstamo hipotecario é o de incendio (non o de vida, nin desemprego, etc.) e coa entidade que queiramos; que ante un fraude de tarxeta existe un límite de responsabilidade de 150 euros até o momento de aviso á entidade, etc.
Información e formación: debido a que o risco dun consumo descontrolado e de endebedamento masivo comeza aos 16 anos, resulta indispensable a difusión de información a cerca do problema do consumo irresponsable e do sobre-endebedamento. Do mesmo xeito, actividades formativas coma charlas, casos prácticos, elaboración de táboas de control do presuposto familiar, coñecemento da protección normativa, etc., pode resultar vital para evitar esta problemática.
Coñecemento das vías de reclamación e mediación: existen determinadas vías de reclamación ou solución de conflitos de xeito extraxudicial e sen ningún custo (arbitraxe de consumo, defensor do cliente, Banco de España, etc.). Doutra banda, asociacións de consumidores especializadas en banca e seguros, coma é ADICAE GALICIA, frecuentemente teñen a capacidade de renegociación de casos de falta de pagamento con entidades financeiras a fin de evitar situacións desagradables.

<subir

Produtos con risco de endebedamento O sobre-endebedamento ven provocado por determinados produtos de financiamento aprazado. Un correcto coñecemento das súas características permite determinar cal é o máis axeitado e os custos que a súa contratación supoñen. A modo informativo, os principais son catro:

Tarxeta de crédito: permite aprazar as nosas compras entre un e tres meses. O seu custo adoita ser unha comisión anual duns 20 euros e uns intereses determinados que roldan o 7%. Hai que utilizala tan só para mercar debido a que a disposición de efectivo no caixeiro supón o cobro dunha comisión.

Préstamo persoal: a entidade pon a disposición do prestameiro un determinado capital para os fins que estime oportunos pactándose uns prazos de reembolso. Existe unha comisión de apertura aproximadamente do 1%, outra de cancelación anticipada do 3% e uns xuros medios do 7'5%.

Crédito ao consumo: similar ao persoal pero o seu capital vai destinado única e exclusivamente ao pago dunha determinada compra.

Préstamo hipotecario: trátase dun préstamo cunha garantía real e de cuxa solvencia responde o ben hipotecado (o máis usual é o da vivenda). Adoita supoñer unha comisión de apertura do 1%, uns xuros fixos ou variables que roldan na actualidade o 3% - 3'5% dependendo do diferencial que se aplique ademais dos gastos e comisións de apertura que implica. Do mesmo xeito, a súa contratación supón custos adicionais coma o de notaría, xestoría, rexistro, ou determinados tributos coma o Imposto de Actos Xurídicos Documentados. A lei de subrogación permite cambiar o préstamo a outra entidade, ou ben permanecer na propia entidade se nos ofrecen melloras económicas ao noso actual contrato de préstamo hipotecario. Á hora de efectuar estas operacións coa nosa hipoteca existen unhas bonificacións que poden diminuír os custos do préstamo.

Propostas para superar a problemática do sobre-endebedamento Realización de medidas educativas e con eminente carácter práctico para a xente nova da nosa sociedade alertando dos riscos dun consumo irresponsable e do sobre-endebedamento. Información sobre os dereitos coma consumidores e as características dos produtos de endebedamento.
Creación de Unidades de Información de Endebedamento onde se informe ao cidadán sobre o seu nivel óptimo de endebedamento en consonancia coa súa realidade económico-social.
Elaboración dunha "lei de suspensión de pagos familiar", similar á experiencia doutros países europeos, onde se protexa ao consumidor sobre-endebedado, reestruturándose as súas débedas e os pagos, de xeito que se eviten situacións de embargos e marxinación social.
Apertura de vías de comunicación directa entre entidades de crédito e asociacións de consumidores para a resolución rápida e amigable ante situacións de sobre-endebedamento.
PATROCINADO POR:
 

<subir

Charlas sobre-endebedamento familiar:

Centro Cívico Os Mallos A Coruña. 19:00

Centro Cívico Alto A Coruña. 19:00

Centro Cívico Labañou A Coruña. 19:15

Rua San Xose 22.
Vigo. 19:00

Centro Cívico San Diego A Coruña. 19:00